Algo parecido semella querer facer o PijoPartido de Feijoo coa xestión do bipartito. Dá igual que fosen fallos ou acertos, todo debe ser purificado. Dá igual que, mesmo nestas desastrosas eleccións, o bipartido gañase en votos á Dereita. Non merecen que nada perdure, tal foi o seu pecado de atreverse a gobernar na finca dos de sempre.
Por desgracia, o bipartito si adoptou proxectos do Goberno de Fraga. Algúns, como a Cidade da Cultura, Sogama ou o Decreto do Galego, ían tan cargados de veleno que Feijoo e a súa falta de escrúpulos non tiveron reparo en empregar como bazas, a pesar de que foron xestados cando el era Conselleiro, non na época do bipartito.

O das Galescolas xa roza o ridículo. O PP criticounas dende a súa orixe de xeito brutal, sen saberse nunca moi ben por qué. Por fin, Feijoo acabou aclarando a dúbida: "no me gusta la bandera gallega en los mandilones de los niños". Outros membros do PartidoPijo foron máis explícitos: "las Galescolas están politizadas/ideologizadas".
Pois ben, á espera de que me expliquen qué significa iso, o que máis me choca é que ao final o goberno actual vai impulsar as Galescolas tal e como foron concebidas por Quintana. Os mesmos centros, o mesmo profesorado. Todo igual. Entón, seguen politizadas? Non! Porque cambia unha cousa. Mellor dito, dúas: o nome e o logo. Vese que toda comida de tarro demoníaca residía neses dous puntos. Así, en vez de Galescolas, chamaranse Escolas Infantís. E en vez de ter unha escola sorrinte coa bandeira galega, haberá unha galiña azul. E así, queridos nenos, convértese un proxecto demoníaco e pseudosoviético nun paradigma educativo de calidade.
Por suposto que este cambio non vai ser de balde, e pregúntome cómo casa este gasto estúpido na política de austeridade de Feijoo. Por certo, sigo a agardar as medidas contra a crise. Ata agora consistiron en botarlle a ZP as culpas que antes levaba Touriño. Tamén poderiamos falar da urticaria que lle provoca a Feijoo a NOSA bandeira. Pode que se pasase máis tempo no despacho e menos en Madrid se decatase de que alí ten unha. Pero iso é o de menos.
Hai outro tema que está detrás de todo isto. A obsesión da Dereita con identificar todo o público co adoctrinamento político e ideolóxico. Isto non é novo: hai moito que en USA a propaganda da dereita fai pensar aos cidadáns que, por exemplo, se tivesen sanidade pública, un burócrata decidiría se deben ser curados ou non. Vamos, que ir ao hospital sería o máis parecido a un campo de traballos en Siberia na Rusia comunista. Detrás diso están, por suposto, os intereses de quen fan moitos cartos a costa de que non haxa sanidade universal.
Aquí tamén ocorre. Eu fiquei pampo cando un fachita me dixo un día que os que estudamos en colexos/instis públicos recibiramos adoctrinamento político do Estado. Que nos lavaran o cerebro! O mesmo di o PartidoPijo con respecto a Educación para la Ciudadanía.
Como lle fas entender a unha alma de cántaro que os meus profes son xente que aprobou unha oposición? E que a oposición máis corrupta da Deputación de Ourense é mil veces máis transparente que calquera contratación de empresa? No seu cole privado do Opus si que hai un señor con todo o dereito de contratarte ou non por levar pelo longo, por falar galego ou por non estar casado. Eu, na miña traxectoria escolar, tiven profes de todo tipo, como é lóxico. Dende reintegracionistas ata outro que nos dicía: "Qué razón tenía Franco! A los españoles no se os puede dejar solos!". No meu insti había un (imos dicir o seu nome: Ortega) que obrigaba aos alumnos a dicir "Viva España!". Eses eran os encargados de lavarnos o cerebro con teorías xudeo-masónicas??
Claro que isto non é estrano, porque é certo que cando a Dereita goberna, converte todos os medios públicos ao seu alcance en instrumentos do seu poder. Non hai máis que ver o que fixo Aznar con TVE, o que está a facer Esperanza Aguirre con Telemadrid e cos hospitais públicos madrileños, ou que fai Feijoo coa TVG, batindo o récord da hora para censurar un programa en menos de 15 días de mandato.
Lástima que non haxa unha Voz que denuncie estes feitos... Por se acaso, eu propoño un nome e un logo máis axeitados para as escoliñas de Feijoo.


